A cultura galega continúa viva, e a súa literatura tamén. A obra de
don Xosé Neira Vilas é un bo exemplo. Foi para nós unha grande honra
ter a oportunidade de coñecer a don Xosé Neira Vilas. O motivo foi un
Curso de Extensión Universitaria que se desenvolveu na Aula UNED
de Lalín, UNED de Pontevedra, a finais de abril de 2010. O curso titulábase
do mesmo xeito que este libro que temos o gusto de coordinar:
Xosé Neira Vilas. Da Galicia de Balbino á Galicia de hoxe.
Os motivos para levar a cabo o curso ou xornadas foron os seguintes.
O primeiro, cumpríanse cincuenta anos da publicación de Memorias
dun neno labrego. Era, por tanto, un bo momento para homenaxear ao
autor, Xosé Neira Vilas, e á súa obra. Os personaxes que construen os
autores dependen sempre de quen os pensou e narrou. As narrativas
fanas os autores, non os personaxes que éstes inventaron. Primeiro é o
autor, no noso caso don Xosé, e despois a súa creación literaria, Balbino.
Dicimos isto porque en ocasións parece, erradamente, que foi Balbino
quen inventou a don Xosé Neira Vilas. A nos interésanos, en primeiro
lugar, o autor, e secundariamente o protagonista de Memorias dun neno
labrego. A nosa homenaxe non é a Balbino, senón a Neira Vilas.
O segundo, sen dúbida, entrar en contacto cunha das persoas máis
sobranceiras da nosa cultura contemporánea, autor de éxito, non só
para a crítica, senón de público. Así o demostran os preto de seiscentos
mil exemplares vendidos, en numerosos idiomas, de Memorias dun
neno labrego dende a publicación da súa primeira edición alá por 1961.
Quizáis sexa o libro galego de maior difusión de todos os tempos. O
seu éxito para nós débese a que xenera unha empatía cos lectores, que se
identifican co sinxelo estilo narrativo do personaxe principal, Balbino.
O terceiro, porque unha vez superado o positivo impacto emocional
que para nós supuña coñecer a un mito da nosa nenez, ao creador
de Balbino, Lelo, Moncho e tantos outros personaxes que limos con
avidez na nosa infancia, era descubrir, valorar e comprender á persoa,
don Xosé. Trátase dun home amable no trato, entrañable no contacto
persoal, ameno contador de historias, cordial no diálogo, traballador
incesante, e sempre disposto a acudir alá a donde o inviten. Sempre
estivo disposto a axudar na boa consecución tanto do curso, como do
libro que o lector ten nas mans.
O cuarto aspecto a ter en conta é a relevancia histórica, antropolóxica
e de psicoloxía cultural da obra de don Xosé Neira Vilas. Cando nos
puxemos en contacto con el para pedirlle permiso para facer un curso
de homenaxe á súa persoa e á súa obra, e pregarlle que asistise á inauguración,
mostrouse disposto non só a colaborar, senón a estar presente en
todas as conferencias das Xornadas. E así o fixo. Foi realmente a alma
do encontro, comentando, debatendo e aportando todo aquelo que
xulgaba pertinente en cada unha das intervencións que houbo durante
o curso. Resultou unha experiencia moi enriquecedora para todos. E
tamén constituíu unha mostra da súa grandeza como escritor, da súa
calidade como persoa, e da súa sabiduría do pasado e do presente de
galeguismo e da cultura galega. El é un dos grandes da literatura galega,
que contribuíu coa súa obra a alimentar as mentes de miles e miles de
persoas, nenos e non tan nenos.
E, por último e quinto lugar, conseguir xuntar baixo o lema do encontro
a toda unha serie de especialistas en diferentes ámbitos das humanidades
e das ciencias sociais. Entre todos aportaron unha visión
amplía e interdisciplinar da evolución da nosa terra dende a época na
que se desenvolven os feitos narrados en Memorias, medio imaxinarios
e medio reais, e o período actual de principios do século vinteún. Poderiamos
afirmar que se logrou dar conta do cambio social que aconteceu
en Galicia ao longo do século XX; cambio que supuxo abandonar as
vellas estruturas agrarias e, solo en certas ocasións, as mentais que caracterizaban
o país ata transformarse no que é hoxe, un territorio urbano
rexido por lóxicas urbanas, cunha clara dicotomía económica e demográfica
entre o terzo occidental e o resto do país.
Así, ao longo do presente texto, o lector poderá coñecer a evolución
da obra literaria de Neira Vilas. Do mesmo xeito, comprobar tamén
cómo era a emigración cara os mesmos destinos que seguiu o escritor;
cómo era a psicoloxía da sociedade rural daquel momento; cómo cambiou
o rural galego nos aspectos antropolóxicos, psicolóxicos, económicos
e territoriais; cómo evolucionaron os comportamentos relixiosos e a
propia sociedade rural; e, por último, cómo se modificou a demografía
galega ou mesmo cómo aconteceron estes mesmos aspectos no conxunto
do Estado.
Estamos, por tanto, diante dunha obra interdisciplinar que cremos
sumamente interesante para entender o cambio das estruturas sociais,
culturais, económicas, psicolóxicas, productivas e de organización territorial
de Galicia ao longo do século XX e ata a actualidade.
Nunha introdución coma esta non podemos esquecer o agradecemento
aos especialistas que participaron no curso, sen eles e sen as súas
achegas non tería sido posible publicar este libro. Tamén, e moi especialmente,
debemos agradecer á dirección do Centro Asociado da UNED
de Pontevedra o apoio para levar adiante o curso, e especialmente á súa
directora dona Beatriz Rodríguez López e á profesora dona María José
Manzanares Perela, Coordinadora de Extensión Universitaria e Prácticum
do Centro Asociado da UNED de Pontevedra. Á directora do curso,
a profesora da UNED de Madrid, dona Pilar González Yanci, quen
levou a cabo todos os trámites necesarios na Sede Central da UNED
en Madrid. Ao Concello de Lalín, a través de seu Alcalde, don Xosé
Crespo Iglesias, patrocinando o curso. O noso recoñecemento tamén
a don Román Rodríguez González, concelleiro do Concello de Lalín,
quen se implicou moi seriamente para que se puidese sacar adiante con
éxito o curso e a publicación das actas. Asimesmo, cómpre mencionar,
de xeito moi especial e agarimoso, tanto a Paco como a Carmen Lareo.
O primeiro, pola súa excepcional achega coa evocación da imaxe de
Neira Vilas que foi o cartel anunciador do Curso, e que tamén serve de
portada ao libro. Á segunda, pola súa colaboración e valiosa axuda na
posta en marcha do curso e no seu correcto desenvolvemento.
O patrocinio correu a cargo, ademais do Concello de Lalín e da
UNED, da Consellería de Educación de Xunta de Galicia. Cómpre
agradecer ao seu titular don Xesús Vázquez Abad a súa disposición a
contribuír á realización do curso, ao igual que o fixo o Director Xeral
de Promoción e Difusión Cultural, Francisco López Rodríguez. E, fi-
nalmente, tamén o noso agradecemento á Deputación de Pontevedra,
ao seu presidente, don Rafael Louzán Abal, e ao responsable da área de
Cultura, o vicepresidente don José Juan Durán, polo seu interese na
homenaxe a don Xosé Neira Vilas e na publicación desta obra. A todos,
moitas grazas, e no noso agradecemento e recoñecemento pola promoción
de temas relacionados coa cultura galega.